Pregoeiro

Un actor galego de prestixio

O pregoeiro desta VIII edición do Feirón Medieval dos Andrade será o actor galego Santi Romay.

Santi Romay é coñecido principalmente pola súa participación en diversas producións da TVG. A primeira delas foi ‘Mareas vivas’, na que estivo durante toda a serie (entre 1998 e 2002). Nela interpretou o papel de Fito, e tamén participaron Luís Tosar, Luís Zahera ou Isabel Blanco, entre outros.

En teatro traballou na obra ‘Un país de comedia’ (2002), con Quico Cadaval, Ernesto Chao, Mabel Rivera e Carlos Blanco, tamén director da obra e co que coincidira en Mareas vivas.

En 2006 compartiu escenario con Nerea Barros e Álvaro Guevara na montaxe teatral ‘Yepeto’. No mesmo ano protagonizaría xunto a Miguel Canalejo a curtametraxe ‘Go ‘el‘, de Francisco Calvelo.

No 2008 actuou na serie ‘Os Atlánticos’, estreada pola TVG en xaneiro, co papel de Brais. En 2012 participou na serie ‘Matalobos’, como Antón.

No 2012 interpreta a Bento na longametraxe ‘Vilamor’ dirixida por Ignacio Vilar.

No 2013 interpreta o papel (principal) de Carlitos xunto a Carlos Blanco na webserie ‘Clases de lo social’, do director pontevedrés Pablo Cacheda, estreada o 19 de outubro dese mesmo ano. No ano 2014 continúa no mesmo rol na segunda tempada da devandita webserie.

Na edición 2017 dos premios María Casares de teatro de Galicia, Santi conseguiu o premio a mellor actor protagonista por ‘O tolleito de Inishmaan’, de Contraproducións e Fiot Carballo.